Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta de Goberno adxudica as obras de reforma da Praza de Abastos por máis de 450.000 euros


A Xunta de Goberno local, reunida esta mañá en sesión ordinaria, deu luz verde á adxudicación do contrato de obras de reforma da praza de Abastos á empresa INSIDE THE TEAM, S.L por un importe total de 451.278,16 €, IVE engadido. Con esta actuación, o Concello de Santiago pretende poñer en valor este edificio, incrementar a súa funcionalidade, e facelo máis cómodo e accesible a cidadanía e visitantes. Tamén se acordou conceder ás licenzas de obra ao Consorcio de Santiago para a reparación de fachada e restauración dos elementos escultóricos e ornamentais da fachada leste do Pazo de Raxoi e á USC para a reforma interior do colexio maior San Clemente.

A empresa adxudicataria do contrato “Obras de Reforma da Praza de Abastos”, INSIDE THE TEAM, S.L contará cun prazo de execución de 130 días hábiles dende a sinatura do contrato para levar a cabo unha serie de actuacións nas marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central. O orzamento adxudicado ascende finalmente a 451.278,16 € (base impoñible de 372.957,16 € máis IVE do 21% de 78.321,00 €).

Un dos elementos sobre os que se vai actuar son as marquesiñas de vidro. En concreto, naquelas situadas sobre os postos da muralla traballarase para eliminar as filtracións e mellorar o mantemento do falso teito. Para este fin establecerase unha pendente mínima de 1,5% ao plano de vidro da cuberta, cunha instalación dunha nova baixante por canlón, unha nova impermeabilización adherida ou flotante sobre o canlón existente; e a instalación dun novo canlón a modo de freo para a auga recollida pola cuberta de tella. Tamén se instalará un falso teito de reixa en aceiro galvanizado, máis doado de desmontar e de máis sinxela limpeza e mantemento.

Nas marquesiñas de comunicación entre o edificio e os obradoiros e aquelas entre as naves levarase a cabo unha intervención similar mediante a substitución dos elementos que resolvan as filtracións de auga e o difícil mantemento do falso teito. Tamén se levarán a cabo labores de limpeza do canlón existente e a revisión de selaxes e unións con estrutura metálica existente. O falso teito de vidro, de difícil mantemento será substituído por unha malla permeable á luz que sirva para tamizar o seu paso; un elemento o suficientemente lixeiro e resistente para o seu fácil desmonte e manipulación.

Polo que respecta aos estores verticais que protexen do sol aos postos localizados sobre a muralla, serán recolocados entre os piares para facilitar o seu mantemento, ao seren pezas máis pequenas. Colocaranse con guías verticais, para garantir o seu uso e mantelos desde ambos lados. Esta solución tamén fai que estes elementos, que deben entenderse como auxiliares, teñan menos peso visual desde a rúa Virxe da Cerca. Ademais, dotaranse de caixas para que estean resgardados da intemperie e motorizaranse para que o recollido se realice de xeito sinxelo.

En canto ás portas corredeiras das naves, de 3 metros de altura, instalaranse novos motores, co obxecto de axilizar a súa apertura pola nova localización do sensor de presenza, que se descolgará do dintel. Ademais, as portas estarán provistas dun marco perimetral de aceiro inoxidable mate, o que protexerá os vidros dos golpes nos bordos.

Outras das actuacións previstas son a susbstitución da arqueta exterior do baño adaptado para evitar os atascos e mellora da instalación eléctrica da torre central.

Licenzas

O executivo municipal acordou a concesión ao Consorcio de Santiago dunha licenza de obra maior para levar a cabo os traballos de mantemento e reparación de fachada e restauración dos elementos escultóricos e ornamentais existentes na fachada leste do Pazo de Raxoi. O orzamento de execución material dos traballos é de 463.106,61 euros. Tamén se outorgará á USC unha licenza para realizar a reforma interior do colexio maior San Clemente sito na praza de Rodríguez Cadarso, que conta cun orzamento de execución material de 3.654.855,91 €.

Convenios

A Xunta de Goberno deu luz verde esta mañá a convenios de colaboración con diversas entidades por un importe total de 124.000 euros. En concreto, aprobáronse convenios de colaboración coa Cámara de Comercio por un valor de 75.000 euros; coa Unión de Cooperativas Espazo Coop, por 39.000 euros e co Mercado de Abastos de Santiago, por 10.000 euros.

Bonificación canon 2023 Sogama

Tamén se aprobou esta mañá ao importe previsto de aforro no custo do canon Sogama para o ano 2023, como consecuencia da bonificación, en 394.025,90 euros, o que permitirá establecer unha minoración do 34,58% sobre a débeda neta aos usuarios nos meses de novembro e decembro de 2023.

Tamén se estableceu esta mañá o importe previsto de aforro no custo do canon de Sogama como consecuencia da bonificación en 394.025,90 euros; así como unha porcentaxe de minoración de 34,58% aos usuarios das tarifas incluídas no apartado 5.1 da Ordenanza fiscal 3.16. Aplicarase no 6ª bimestre de 2023. Do acordo darase conta ao Pleno da Corporación para a súa ratificación.

Outros asuntos

O executivo municipal acordou a adxudicación do contrato “Subministro en réxime de aluguer (sen opción a compra) de equipos multifunción e provisión de consumibles para todos os servizos administrativos do Concello de Santiago de Compostela” á empresa RICOH ESPAÑA SLU por un importe total de 462.869,72 €, dividido en 4 anualidades, desde o 2023 ata o 2027.